1988

Primeira edición do Pantín Classic, celebrada entre os días 23 e 25 de Setembro.
Jorge Imbert (Euskadi) imponse na final a Fernando Adarraga (Galicia), Balbi Irisarri (Galicia) e Roberto Ziller (Brasil).
Gonzalo Casal (Super) vence na proba de bodyboard a Luís Veiga.

A PRIMEIRA EDICIÓN

Fernando Adarraga e Balbi Irisarri (na primeira foto, con licras azul e amarela respectivamente) eran as dúas máximas figuras, xunto con Chicho Torreiro, do surf galego a finais dos oitenta. Fernando representaba á Galicia Norte, e Balbi á Galicia Sur, as dúas comunidades que protagonizaran as orixes do surf en Galicia. Ambos, ademais, colaborarían despois en varias edicións do campionato como membros da organización (difícil de esquecer a retransmisión en directo do campionato na TVG con Fernando como comentarista).

Finalistas. De izquierda a derecha Balbi Irisarri, Fernando Adarraga, Jorge Imbert y Roberto Ziller. Fotografía de Gonzalo Cueto.

Jorge Imbert (con lycra vermella) chegaba a Pantín de rebote, pero como máxima figura do surf nacional tras gañar durante varios anos seguidos o campionato de España. Seguro que el non se imaxinaba aquel día o papel que, en pouco tempo, xogaría no desenvolvemento do campionato grazas á relación de patrocinio que o Océano Surf Club alcanzou con Quiksilver, e que se prolongou entre os anos 1991 e 1997, e durante a cal o Pantín Classic pasou a formar parte do circuíto mundial.

E por último Roberto Ziller, o brasileiro da lycra verde. Roberto representaba a dimensión internacional que ao ano seguinte alcanzaría o evento grazas á participación dos primeiros surfeiros profesionais vindos de Sudáfrica, Australia ou Estados Unidos. El non era surfeiro profesional. Estaba de vacacións coa súa familia en Pantín, onde entrou en contacto cos surfeiros locais, e fixo amizade coa familia de Vicente Irisarri, quen lle convenceu para que participase no campionato tras unha churrascada en Doniños e mentres gozaban dunhas ricas torradas untadas con iogur e mouras.

O Pantín Classic de 1988 evidentemente non era o primeiro campionato que se celebraba en Galicia. O primeiro do que teño constancia tivo lugar na praia do Orzán en 1972, e desde entón, case todos os anos celebráronse probas que, máis que competicións, eran encontros entre amigos que se reunían coa desculpa dun campionato de surf. Pero o Pantín Classic naceu cun espírito diferente. Buscábase celebrar un evento similar aos que xa estaban a ter lugar noutras praias de Europa con maior tradición surfística, e para iso era necesario que o campionato se abrise a máis surfeiros que aos que por aquel entón formaban a comunidade galega. Con todo esta apertura non foi vista con bos ollos por todos. De feito houbo moitos que defenderon ata o ultimo momento, chegando a non participar no campionato, a posición de que só se permitise participar na competición a surfeiros galegos. Afortunadamente esta opción non foi a que venceu.

Talvez por iso, e como reacción, todo surfeira que veu de fóra recibido con especial hospitalidade, facéndolles sentir que só coa súa presenza, e independentemente do seu nivel, estaban prestigiando ao campionato. De feito, case se pode afirmar que durante os días previos ao evento todo aquel surfeiro que non fose de aquí, e que estivese preto de Pantín, foi convidado a participar, non quedándolle máis remedio que aceptar a invitación. Así foi como os “exóticos” Z. Cordoni de Sudáfrica e o australiano M. Rosser se apuntaron á proba tras ser recrutados por Nano Couto a noite anterior. Ou como se inscribiu tamén o norteamericano Sunway, que ao parecer tiña parentes en Cedeira. A estes uniríase o brasileiro Roberto Ziller, que estaba a pasar o verán en Pantín. Sen querer as catro grandes potencias do surf mundial, a falta de Hawaii, estaban representadas no campionato.

Jorge Imbert. Fotografía de Javi Amezaga (3sesenta) Jorge Imbert. Fotografía de Javi Amezaga (3sesenta)

Pero a grande figura, que acabou dando voz ao evento na prensa da época, foi Jorge Imbert. Jorge estaba en Galicia visitando á súa familia, parte da cal é orixinaria da zona de Vigo. Non era a primeira vez que estaba en Galicia. A súa primeira viaxe surfística a terras galegas fora un ou dous anos antes, e ademais de descubrir as ondas de Pantín, Doniños ou Campelo, fixera amizade con Jarpín, Nano Couto e Pedro Calderón, quenes lle animaron a participar.

Así, cunha nutrida lista de participantes que obrigou a celebrar previamente uns triais para decidir os 32 participantes finais, comezou o campionato. Por primeira vez houbo xuíces non galegos puntuando as mangas. Veu a prensa, a radio e a televisión, e as ondas foron grandes e constantes. A infraestrutura non era evidentemente a de hoxe, pero contar coa o caseta de socorrismo foi durante moitos anos unha gran axuda. Xuíces e speakers compartían terraza, protexidos tan só por un toldo soportado por uns paus e unhas cordas, que non eran suficientes cando a choiva aumentaba. Micro en man, de pé ou sentados nunha cadeira de plástico, o campionato retransmitiuse cun equipo formado polo amplificador do por entón concelleiro de Valdoviño Carmelo Bouza, e uns altofalantes que Gonzalo Barro pediu prestados a un grupo de música local. E para sinalar o inicio e final das mangas, cando se estragou a bucina, houbo que recorrer á sirena da ambulancia.

Fernando Adarraga en la ola del campeonato. Fotografía de Merche Armental.

Fernando Adarraga na onda do campeionato. Fotografía de Merche Armental.Ese ano iniciouse a tradición de que o domingo, antes das semifinais e a final, se celebrase unha comida de confraternización entre competidores, xuíces e organización, que tiña lugar en casa Ramos. Estas comidas transformáronse co tempo en ceas, xa que tras o xantar os competidores non remataban nas mellores condicións para entrar á auga, cos seus estómagos cheos a rebordar despois de degustar unha boa mostra de produtos da terra. Aquel ano tocou cabrito, e tras ver comer a Jorge Imbert varios pratos, moitos pensaron que o favorito non sería capaz nin de levantarse da táboa. Aínda así gañou, xa que o seu nivel era moi superior ao do demais, aínda que na final Fernando Adarraga collese as ondas máis grandes. Terceiro quedou Roberto Ziller e cuarto Balbi Irisarri.

E como non lembrar o poster. Do mesmo xeito que o logo do Océano Surf Club, a imaxe do campionato ía ser deseñada polos arquitectos Suso Irisarri e Guadalupe Piñera. Pero as datas botáronse encima e non deu tempo a chegar á imprenta co deseño definitivo. E entón, e do mesmo xeito que sucedería en futuras ocasións con outras urxencias, Gusse Núñez acudiu ao rescate cun poster/colaxe creado por el mesmo que, coa imaxe dun mapa de Galicia de fondo, situaba todas as praias surfeables coñecidas ata entón en Ferrolterra.

Seguro que se contaron outras moitas anécdotas que me perderei. Pero é que ademais, ao non asistir á charla, quedeime coa incógnita de se no programa do campionato deste ano reeditarase a final do ano 1988. Esa era a idea polo menos hai uns meses, e polo que oín, nela estivo traballando Fernando Adarraga. Desgraciadamente creo que non se puido localizar a un dos protagonistas, a Roberto Ziller, o brasileiro, do cal se perdeu a pista en Karlsruhe (Alemaña), onde estivo a dar clases ata hai pouco nunha das súas universidades como doutor en física. Onte Carlos Bremón contábame que era unha pena non poder contar con el, xa que ao parecer Roberto é unha desas persoas ás que dá gusto escoitar. E a verdade é que, lendo os títulos dalgunhas das investigacións nas que participou como físico, debe de ser así.

Finalistas. De izquierda a derecha Balbi Irisarri, Fernando Adarraga, Jorge Imbert y Roberto Ziller. Fotografía de Gonzalo Cueto.

Finalistas. De esquerda a dereita Balbi Irisarri, Fernando Adarraga, Jorge Imbert y Roberto Ziller. Fotografía de Gonzalo Cueto.ero que falte un dos protagonistas non pode ser motivo para que a final non se repita, así que en desdelacroa lanzamos varias propostas xustificadas de candidatos para substituír ao brasileiro, se é que finalmente non aparece:

-Chicho Torreiro: se non fose pola ausencia da maioría dos surfeiros coruñeses, posiblemente Chicho estivese na final.

-Gonzalo Casal “Super”: foi outro dos finalistas de 1988, pero en bodyboard, onde gañou nunha moi rifada final a Luís Veiga.

-Gonzalo Barro: or elixir a un dos locais por excelencia de Pantín naquela época. Outros poderían ser Luís Novo, Amable ou Leo Lugilde.

-Por último, calquera dos semifinalistas ou participantes daquela primeira edición, por exemplo Aitor Aguirremota ou Juampe Sansinenea.

E para completar a escena, e do mesmo xeito que en 1988, a foto da reedición debería ser sacada por Gonzalo Cueto. en querelo Gonzalo inmortalizó coa sua cámara aquel momento, logrando unha foto que se converteu case nun icono para o surf galego, e que aquel 25 de setembro de 1988 conectou, sen querelo, pasado, presente e futuro.

Fuente: desde la croa