SARAH ALMAGRO E GONY ZUBIZARRETA, PREMIOS PANTIN GENUINES DE JOYERÍA JAEL

Os premios foron entregados na noite do venres nunha gala do Pazo Libunca, en recoñecemento ao compromiso e a vinculación histórica coa competición

Pantin, 30 agosto.- Sarah Almagro (Marbella, 2000), campioa do mundo de surf adaptado e tricampioa de España en Prone 2, e Gony Zubizarreta, o mellor surfista galego de todos os tempos, foron recoñecidos co premio Pantin Genuines na gala de Joyería Jael que se celebraba na noite do venres no Pazo Libunca de Narón, con centos de convidados.

Este galardón recoñece o seu compromiso histórico co campionato ao longo das sucesivas edicións. No caso de Sarah Almagro, a moza sufriu aos 18 anos unha meninxite meningocócica que a tivo ao bordo da morte varios meses. Sobreviviu a oito paradas cardíacas e sufriu a amputación mans e pés.

No 2021, probou a surfear retomando a súa afición ao bodyboard na praia de Pantin e así naceu un vínculo fondo co mar como terapia e medicina. Hoxe Sarah ten un palmarés no que se suceden tres campeonatos de España, un de Europa e outro do mundo, e varias preseas nos mundiais. “Pantin nunca decepciona”, confesa Almagro, que se declara “namorada” desta praia a onde regresa cada verán para o campionato da Para Surf League, o equivalente da WSL en surf adaptado.

Doutra banda, Gony Zubizarreta (Bos Aires, 1985), emocionado, lembrou a súa infancia na praia de Pantin co seu pai e irmán vivindo no espirito primixenio da competición. Leva subido a unha táboa desde os 7 anos e tomou parte na competición moitos anos consecutivos sendo, case sempre, o preferido da afección local. “Esta homenaxe significa moito para min e quero agradecervos a todos o voso apoio no mundo do surf”, agradeceu. A día de hoxe, Gony Zubizarreta segue ligado ao campionato no que participa como parte da equipa da comunicación de Classic Surf Pro nas competicions da WSL.

Os galardóns foron entregados por Chema Fernández, director de Jael Joyería, e Blanca Panzano, directora xeral de Tag Heuer en España, nunha gala copresentada por Mikel Urigortia e Lucía Martiño.

Deixa un comentario