Por terceiro ano consecutivo, Pantin acolleu o programa de ‘Experiencias’ para vítimas de malos tratos en colaboración coa Xunta de Galicia ademais de contar cun Punto Violeta
Participaron 236 persoas, mulleres e menores, nunha actividade deseñada para preservar a súa integridade e a súa privacidade co máximo goce nunha soa xornada
Máis de 700 gozaron das actividades do Espazo Corresponsables que ofrece como recurso de balde a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade
Pantín, Valdoviño 1 de setembro.- Por terceiro ano consecutivo, o Abanca Pantin Classic Galicia Pro foi escenario e anfitrión dun programa da Xunta de Galicia para ofrecer experiencias seguras a vítimas de violencia de xénero a través dunha estreita colaboración entre o evento e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero que se mantén desde 2022.
Nesta 37 edición, un total de 68 persoas, 24 mulleres e 44 menores, participaron nunha experiencia inmersiva en grupos reducidos ao longo de 7 dos 9 días do campionato (do 24 ao 1 de setembro).
Cada día, un grupo diferente persoas, procedentes das distintas casas de acollida para vítimas da rede galega, desprazouse ao evento para participar activamente de todas as actividades desde os talleres de reciclaxe e sustentabilidade a clases de skate, os bautismo de surf pasando polo goce da praia e da zona de lecer e restauración instalada estes días en Ariño con distintas opcións gastronómicas nos food trucks.
O programa desenvólvese cun coidado e un celo exquisito para preservar a súa intimidade, protexer e garantir a súa integridade e ofrecerlles a elas e os seus fillos, con distintas casuísticas, toda a diversión posible nunha soa xornada a pé de praia. Para moitas delas, maiores e pequenos, foi a súa primeira vez no mar Atlántico, o seu primeiro contacto co surf e as ondas, ou mesmo a primeira vez que poñían un pé na area.
En 2022 foron 73 (32 adultos e 41 meniños), mentres que en 2023 sumaron 95 (51 nais e 44 menores) as participantes das Experiencias de Pantin Classic, que se suman ás 68 deste 2024 nun evento que sempre contou cun Punto Violeta.
En total, 236 – mulleres e 109 fillos menores- ao longo das tres edicións ininterrompidas neste programa pioneiro que impulsa a organización do Pantin Classic Galicia Pro en colaboración coa Xunta de Galicia, moi presente nos tres eventos da World Surf League (WSL) a través de Turismo de Galicia, xunto as consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes, -con Deporte Galego-, Mar e Medio Ambiente, ademais das Direccións xerais de Promoción da Igualdade (Corresponsables) e a de Loita contra a Violencia de Xénero.
ESPAZO CORRESPONSABLES
Doutra banda, este 2024 -a falta dos datos definitivos- foron máis de 700 cativos e cativas, a rapazada en pasar polo Espazo Corresponsables do Abanca Pantin Classic Galicia Pro, un recurso completamente de balde para a conciliación, a educación en igualdade e o lecer activo que é posible grazas á implicación da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. A carpa de Corresponsables estivo operativo durante os 9 días do evento baixo carpa con monitores cualificados de 10 a 14 e de 16 a 20 horas para menores de 4 os 16 anos con máis dunha vintena de actividades e xogos cooperativos. Todas as accións tiñan como motor a criatividade e a inclusión, e xiraron en torno aos eixos temático da reciclaxe, a sustentabilidade e a preservación ambiental desde o lecer activo, inclusivo e corresponsable, que combinaron coa iniciación ao skate e os bautismos de surf diarios en dúas quendas.
Este recurso de Promoción da Igualdade está presente en todos os eventos da WSL en Galicia este 2024: o Gadis Longboard Festival de Ferrol, que se de o 13 ao 16 de xuño en Cobas; o Abanca Pantin Classic Galicia Pro (do 24 ao 1 de setembro) e no Cabreiroá Junior Pro Razo do 24 ao 28 de setembro, que se disputará no concello de Carballo.
