ARRANCA A ACCIÓN NO GADIS SURF FESTIVAL FERROL COA PROBA DE LONGBOARD

As ondas que estaban previstas que chegasen á costa de Ferrolterra a primeiras horas do día finalmente atrasáronse ata a tarde, cando por fin se puideron ver as primeiras mangas da proba do LQS na praia de Esmelle.

FERROL, 25 DE XUÑO DE 2026

As ondas facíanse agardar na praia de Esmelle e non foi ata a tarde cando puido arrancar a acción na auga. O mar de fondo que estaba previsto para as primeiras horas do día finalmente tocou a costa de Ferrolterra durante a tarde e os primeiros deportistas do Gadis Surf Festival Ferrol por fin puideron competir. Así, completáronse xa as primeiras mangas da proba do circuíto de longboard da WSL (LQS), que proclamará, probablemente mañá, aos campións de Europa no coñecido areal do Concello de Ferrol.

En categoría masculina, o vasco Jon Garmendia, que entraba na primeira manga do día, foi dos máis destacados, cunha puntuación de 14.16; e en categoría feminina, la portuguesa Raquel Bento tamén marcou as diferenzas cunha onda de 5.00 puntos e outra de 3.17 para un total de 8.17.

Para a xornada de mañá agárdanse condicións similares, cun pequeno incremento do swell. Farase a primeira chamada aos competidores ás 8:00 horas para as dúas probas.

Deixa un comentario