DANIELA ALONSO E MANUEL FERNÁNDEZ, WILDCARDS NO QS 6000 INTERNATIONAL DO ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2026

A viguesa e o coruñés gañan os triais e acceden ao cadro principal do campionato da World Surf League (WSL), que reúne a máis de 200 deportistas entre o cadro masculino e o feminino chegados de todas as partes do mundo

Esta proba clasificatoria, organizada pola Federación Galega de Surf, serviu tamén para proclamar aos campións galegos open deste ano

PANTÍN, 24 DE AGOSTO DE 2026.

Encerraban un premio dobre. Os triais do World Surf League (WSL) QS 6000 International do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, baixo a organización da Federación Galega de Surf, proclamaban aos campións galegos open deste ano e dáballes acceso ao cadro principal da competición raíña do evento. Daniela Alonso, en categoría feminina, e Manuel Fernández, en masculina, impuxéronse na praia do Concello de Valdoviño baixo unhas condicións complexas, co empuxe do Atlántico caendo a medida que pasaban as horas. A viguesa e o coruñés souberon adaptarse a esta situación complicada e cumpriron os prognósticos que os situaban entre os grandes favoritos desta proba.

Manuel Fernández asinou un percorrido case perfecto cara á final. Liderando todas as súas mangas, agás en semifinais onde se cruzou cun nome que soou e soa con forza no surf internacional: Eric Rebiere. O francobrasileiro, competidor no pasado do Championship Tour (CT), a elite do surf mundial, quixo medirse unha vez máis cos xoves talentos do surf da comunidade. Rebiere impúxose no último chanzo antes da final, pero Fernández tomou a revancha na manga decisiva ao acumular 10.63 puntos no cómputo das súas dúas mellores ondas, polos 8.66 do seu principal rival. En terceira posición concluíu Sebastián Bamonde, con 7.50 puntos; e en cuarta, Alejo Ferreiro, con 5.67. “Estou realmente contento, porque as condicións foron moi duras para todos e agora espero desfrutar do cadro principal”, explicou o gañador.

Pola súa banda, Daniela Alonso bordou o campionato. Dende o primeiro instante foi a dominadora da competición. E na final impuxo o seu empuxe. Con 8.77 puntos, a viguesa deixou á ferrolá Ana Piñón (6.23) en segunda posición, a Lara Rico (3.73), en terceira; e a Pepa González-Valerio (1.63), en cuarta. “Realmente contenta polo resultado”, dixo Alonso, quen engadiu: “Todas fixeron un papel incrible, porque as condicións eran difíciles, pero estou desexando dalo todo no QS 6000”.

O QS 6000 International empeza mañá

O evento retómase mañá coas primeiras mangas do World Surf League (WSL) QS 6000 International. Chega a proba raíña, con 144 surfistas no cadro masculino e 80 no feminino. O campionato recupera a súa esencia internacional con deportistas de máis de 20 nacionalidades.

Programa para mañá, martes 25 de agosto:

Competición WSL

De 08:00 a 18:00 horas

QS 6000 International

Zona Market

11:00 horas

Apertura da tenda oficial, área de skate e Corresponsables

12:00 horas

Apertura dos diferentes stands

Para coñecer a programación completa do Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, consúltao en classicsurfpro.com



Deixa un comentario