IMPRESIONANTE COMEZO DA COMPETICIÓN FEMININA NO ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020

  • Yolanda Hopkins consegue a mellor onda da mañá con 9 puntos.

  • Grandes condicións de ondas nesta primeira xornada.

A praia de Pantín amenceu hoxe coas primeiras surfeiras entrando á auga para a primeira rolda da categoría feminina do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020.

Máis de 50 surfeiros inscribíronse para a proba e durante estas primeiras mangas viuse claramente o alto nivel competitivo das deportistas. Yolanda Hopkins, surfeira portuguesa, chegou pisando forte conseguindo a mellor onda da mañá cunha incrible puntuación de 9 sobre 10, conseguindo un total de 15,77 puntos. Comentaba que lle encanta  surfear a onda de Pantín e que esta desexando volver á auga.

Tamén sobresaíron hoxe,  Mafalda López, surfeira portuguesa, cunha puntuación total de 14,73 puntos;  Camila  Kemp, surfeira alemá, con 11,84 puntos totais; e Melania Suárez, con 10,93 puntos.

Ata o momento disputáronse as 12 primeiras mangas da rolda inicial feminina e a competición continúa coa categoría feminina.

Esta mañá, ás 12:00 h, tamén tivo lugar a presentación oficial do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020 na que contamos coa presenza de Manuel Vila, secretario  Xeral Técnico da Consellería de Cultura e Turismo, que resaltaba que o ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020 é un dos eventos máis lonxevos no ámbito do surf, e que é unha gran sorte poder estar presente hoxe e recuperar aos poucos a normalidade con eventos como este, que é unha riqueza para Valdoviño e para toda Galicia; Natalia Prieto Viso, secretaria  Xeral de  Igualdade, engadía o seu agradecemento ao evento polo seu compromiso na loita contra a violencia de xero e a eliminación contra todo tipo de discriminación, xa que o surf serve como vehículo para inspirar valores como o respecto e a colaboración.

Raúl Rodríguez, en representación de ABANCA, declaraba tamén que están encantados de colaborar con este  magnifico evento que axuda a promocionar os valores do surf, valores que ABANCA comparte, como a perseveranza e o esforzo persoal;  Ciro Cabezas, director xerente de  Vithas Vigo, comentou tamén que é un gran pracer colaborar cun evento que promociona o deporte e a saúde, e máis especialmente neste ano tan complicado que estamos a vivir; Antonio Cortés, director  RSC de  Gadisa, agradecía o labor de todos os organizadores ao preparar un evento seguro dentro das medidas extraordinarias necesarias debido ao Covid-19, pero mantendo o mesmo nivel de anos anteriores.

Alberto González, alcalde de Valdoviño, declaraba tamén que os surfeiros que están a participar neste evento son exemplos a seguir para continuar vivindo dentro desta nova normalidade. Ademais, reforzou a imaxe de Pantín, e Galicia como destino seguro non só para o deporte, pero para o turismo. Por último, Marcos Rodríguez, director do evento, salientaba a importancia de agradecer a presenza dos competidores neste evento, tendo en conta a situación sanitaria actual e a boa acollida das medidas esixidas para a competición.

A acción continua en Pantín coa disputa da primeira rolda en categoría feminina. Ata agora pasan á segunda rolda  Ariane Ochoa (PAÍS VASCO), Julia González (ESPAÑA), Gabriela Dinis (PORTUGAL) Carolina Santos (PORTUGAL), Garazi Sánchez (PAÍS VASCO), Sarah Leiceaga (FRANCIA), Candelaria Resano (ESPAÑA), Juliette Lacome (FRANCIA), Eveline Hooft (PAÍSES BAIXOS), Melania Suárez (ESPAÑA), Rheanna Rosenbaum (BÉLXICA), Bianca Tye (ESPAÑA), Lucía Martiño (ESPAÑA), Ainara Aimat (ESPAÑA), Violeta Sánchez (ESPAÑA), Carmen Garay (ESPAÑA), Sara Urresti (ESPAÑA), Janire González Etxabarri (ESPAÑA), Annete González Etxabarri (ESPAÑA), María Martínez (ESPAÑA) e Jade Magnien (FRANCIA).

Deixa un comentario