IMPRESIONANTE DÍA DE COMPETICIÓN NO ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020

  • Joan  Durú,  Aritz Aranburu e Luis Díaz avanzan na competición.

  • Mañá, último día de competición, que arrincará coa categoría masculina ás 08:00h.

https://youtu.be/e-8_shjeSrU

Finaliza a terceira xornada do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO deixando impresionantes actuacións da categoría masculina nun día cheo de surf.

As condicións de ondas hoxe foron inmellorables e os participantes souberon sacarlles o máximo proveito para conseguir o ansiado pase cara á cuarta rolda da categoría masculina.

Os surfeiros franceses continúan avanzando na competición, con actuacións estelares como a do surfeiro Joan Durú, que liderou na súa manga, cunha onda de 8,77 puntos sobre 10, avanzando directo cara á cuarta rolda; Thomas  Debierre, desde Francia tamén, comentábanos que agradece a oportunidade de poder participar nun evento de tal calibre este ano e ademais lograr pasar de rolda tras terminar primeiro na súa manga. Non ía ser menos  Maxime  Huscenot, que, nun último xiro da competición, obtivo a puntuación que lle abriu as portas á cuarta rolda.

Grandísima actuación a do surfeiro vasco Aritz Aranburu, que está encantadísimo de volver competir en Pantín e que tras sobrepoñerse aos seus adversarios terminou primeiro clasificado da súa manga. 

Tamén sobresaíron o surfeiro canario Luis Díaz, que, aínda que cre que non mostrou o seu mellor surf aínda, conseguiu varias boas ondas que lle garantiron a súa continuidade na competición; e o surfeiro alemán Marlon Lipke, que despois de sufrir unha lesión na rolda anterior, decidiuse a continuar competindo, coñecedor das súas propias capacidades e decidido a seguir avanzando.

Un dos grandes momentos vividos nesta terceira rolda foi cando vimos a Dani e Néstor García, pai e fillo, enfrontados nunha mesma manga, ambos loitando polo pase á seguinte rolda. Lamentablemente, non conseguiron clasificarse, pero sen dúbida deixaron unha gran actuación que perdurará na historia do evento.

Mañá será o último día de competición que comezará coa categoría masculina ás 08:00h e coa feminina tomando a substitución ás 10:00h con excelentes condicións esperadas por cuarto día consecutivo e finalizará coa entrega de premios do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020 ás 18:00h, para categorías masculina e feminina, na que coroarán aos campións da edición deste ano.

A clasificación final para a cuarta rolda en categoría masculina é: Charly Quivrot (FRANCIA), Leo  Etienne (FRANCIA), Vasco Ribeiro (PORTUGAL), Arran Strong (INGLATERRA), Justin Becret (FRANCIA), Andy Criere (PAÍS VASCO), Joan Durú (FRANCIA), Dylan Groen (ALEMAÑA),  Joaquin Chaves (PORTUGAL), Thomas Debierre (FRANCIA), Vicente Romero (ESPAÑA),  Aritz  Aranburu (PAÍS VASCO),  Leon Glatzer (ALEMAÑA), Maxime Huscenot (FRANCIA) e Marlon  Lipke (ALEMAÑA). 

Deixa un comentario