ENTREVISTA CON SARAH ALMAGRO, CAMPIOA MUNDIAL E DÚAS VECES CAMPIOA DE ESPAÑA EN SURF ADAPTADO

“O que me gusta do mar é que non discrimina. Na auga somos todos iguais”

Pantín, Valdoviño 24 de agosto.- A Sarah Almagro Vallejo (Marbella, Málaga, 2000) a vida deulle un xiro inesperado aos 18 anos cunha meningite meningocócica que a levou a un fallo multiorgánico con paradas cardíacas e sepsis. Para sobrevivir, perdeu as catro extremidades. Non perdeu as ganas de surfear, e o mar, di, é a súa mellor medicina e terapia.

Desde 2021 participa nas probas de surf adaptado do Abanca Pantín Classic Surf Pro, que este ano, por primeira vez, pasou a integrar o circuíto internacional da Para Surf League (PSL), o equivalente á WSL (World Surf League).

“Esta sempre será para min a praia máis impresionante e un dos meus mellores recordos. Aquí foi o meu primeiro campionato e sempre me gusta volver”, confesa Sarah, que se toma moi en serio cada competición e a preparación física (hora e media diaria) que require o deporte, e que compaxina cos seus estudos de Dereito.

Este ano afronta o seu cuarto campionato na praia galega cun palmarés que foi medrando: tres veces campioa de España, campioa europea e campioa do mundo na categoría Prone 2, ademais de prata e bronce nos Mundiais de 2021 e 2022, respectivamente.

“As ondas non se adaptan. O mar non discrimina, trata a todo o mundo por igual, cousa que en terra non pasa. O mar ensinoume paciencia e humildade, pero para que che ensine tes que estar disposta a aprender”, subliña Almagro, unha das voces máis recoñecidas do surf adaptado que reclama o seu dereito a ser deporte paralímpico.

Aos seus 24 anos, Sarah surfeou no Atlántico, o Pacífico, o Cantábrico e o seu Mediterráneo natal, pero soña con facelo tamén na costa de Australia ou, como non, en Hawai. “Empecei co body aos 5 anos e aos 11 vin a uns nenos surfeando na praia e díxenlle á miña nai ‘eu tamén quero facer iso’. O meu irmán menor é o meu adestrador e Javi e Alex son os rapaces que entran comigo na auga e me tranquilizan”. “Outro gran recordo foi aquí ao lado en A Frouxeira (Valdoviño). Batín o meu propio récord cunha onda de 2,5 metros. Con esa non me atrevería cando tiña mans e pés”, ri Sarah.

DOMINGO 25: FINAIS DA PARA SURF LEAGUE

Este ano son 40 os surfistas con algunha discapacidade inscritos no evento: 15 rapazas e 25 rapaces, chegados desde Brasil, Marrocos, Estados Unidos, Francia, Holanda, Suíza, Alemaña, Gran Bretaña, Portugal ou España. En xogo, case 20.000 euros en premios, un dos importes máis elevados do circuíto para axudarlles a cubrir os gastos de desprazamento e equipo. Entre os participantes, destaca Dana Cummings, o norteamericano pioneiro deste deporte, a francesa Lou Meniche ou o coruñés Dani Souto.

As mangas finais da PSL disputaranse este domingo 25 e a entrega de premios está prevista para as 16:00 cunha boa previsión de ondas e a música en directo de Señora DJ, dentro do cartel de Pantin Sound, ademais de tenda oficial, zona de lecer e restauración e moitas actividades para os máis pequenos (4 a 16 anos) dentro do Espazo Corresponsables da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.

Deixa un comentario