JANIRE GONZÁLEZ ETXABARRI E ADUR AMATRIAIN IMPARABLE CARA ÁS SEMIFINAIS

ADUR AMATRIAIN / PHOTO: WSL – MASUREL.
  • Janire González Etxabarri logrou a mellor onda da mañá con 8 puntos sobre 10.
  • Adur Amatriain segue destacando e obtén a maior puntuación total da mañá.

Nesta primeira parte do día tiveron lugar os cuartos de final en categorías masculina e feminina da proba da Junior Qualifying Series da World Surf League (WSL), do GADIS JUNIOR PRO FERROL 2021, e os competidores puideron aproveitar ao máximo as boas condicións de onda para obter o ansiado pase ás semifinais.
 
A surfista vasca, Janire González Etxabarri, destacou, obtendo a mellor onda da mañá cun gran 8 sobre 10 puntos, e unha puntuación total de 14,50 puntos, a máis alta da súa categoría. Pola súa banda, declarou que “estou moi motivada para competir xa que esta proba é moi importante dentro do circuíto júnior e quero obter as mellores puntuacións para volver a gañar o título de campioa de Europa júnior“.
 
Seguíndoa de preto tamén destacou a francesa Nahia Milhau, que acadou unha puntuación acumulada de 12,33 puntos. Engadiu que está moi contenta cos seus resultados, conseguiu boas ondas que lle garantiron o paso ás semifinais e está motivada para seguir avanzando na competición.
 
Na categoría masculina destacou o surfista vasco Adur Amatriain, que obtivo a maior puntuación acumulada da mañá con 14,80 puntos totais e expresou que “hai moi boas ondas hoxe e permítennos a todos demostrar o noso nivel, o que motiva moito para seguir competindo e avanzando”.
 
Seguindo de preto, os franceses Kytann Foret e Sam Piter acadaron moi boas puntuacións, con 13,60 e 12,67 puntos en total respectivamente. Este último declarou que lle gusta competir en Galicia e goza das condicións ondulatorias que lle están a permitir obter boas puntuacións.
 
 A acción continúa na Praia de Doniños coa disputa das semifinais e finais que coroarán aos campións da primeira edición do GADIS JUNIOR PRO FERROL 2021.

Deixa un comentario