
Pantín intégrase no circuíto da Para Surf League (PSL) cunha das 4 competicións que existen para o surf inclusivo que aspira a ser olímpico
Exemplo de superación e resiliencia, serán os primeiros surfistas en dar o pistoletazo de saída á 37ª edición deste verán 2024 en augas galegas
Pantín (Valdoviño), 20 de agosto.- A 37ª edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro comeza esta fin de semana cunha das novidades desta edición 2024: por primeira vez, a proba de surf adaptado (24 e 25 de agosto) estará integrada no circuíto mundial da Para Surf League (PSL), o equivalente á World Surf League para deportistas con discapacidade.
Pantín será, así, unha das catro praias de todo o mundo que acollerán un campionato de surf inclusivo dentro do circuíto mundial, xunto con Estados Unidos e Francia, como parte da aposta pola igualdade e a equidade no deporte.
En total, son 40 os surfistas inscritos nas distintas categorías (15 rapazas e 25 rapaces) chegados desde Brasil, Estados Unidos, Marrocos, Suíza, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Países Baixos, Portugal ou España.
Entre eles, atópase o norteamericano Dana Cummings, un dos pioneiros e lendas deste deporte, Lou Meniche (FRA), o coruñés Dani Souto ou a española Sara Almagro, todo un exemplo de vitalidade e resiliencia tras sufrir unha amputación múltiple de todas as extremidades. Almagro é toda unha subcampioa do mundo e campioa de Europa na súa modalidade que atopou no salitre o seu motor e a súa medicina.
A proba de surf adaptado -que xa se viña celebrando por iniciativa da organización nos anos anteriores- dá un salto cualitativo ao integrarse na Para Surf League (PSL), para apoiar e promover o Para Surfing en todo o mundo e que aspira a incorporarse aos Xogos Paralímpicos.
A competición de parasurfing en Pantín repartirá preto de 20.000 euros en premios, unha das contías máis elevadas do circuíto como apoio para financiar o custo das viaxes e a loxística dos participantes.
Por augas galegas xa pasaron sufistas míticos como Aitor Francesena, ‘Gallo’, adestrador de elite de grandes nomes como Aritz Aramburu, Kepa e Eneko Acero, Mario Azurza ou Axi Muniain. Francesena perdeu o ollo dereito por un glaucoma conxénito aos 14 anos e unha gran onda rompeulle o esquerdo en 2012, pero nunca se baixou da táboa. Escoita os ventos e anticipa ondas e correntes coa palma das mans.