O ABANCA SURF ADAPTADO EVENTO DE REFERENCIA EN RESILIENCIA, INCLUSIÓN E COMUNIDADE


  • Victoria Feige (CAN), Mireia Cabañes (ESP), Marta Jordao (POR), Hanna Dines (GBR) e Sarah Almagro (ESP), grandes exemplos do surf adaptado feminino.
  • Dana Cummins (USA): “A todos aqueles que nos digan o que non podemos facer, ímoslles amosar o que facemos, e iso é surf”.

A terceira edición de ABANCA SURF ADAPTADO pechou as súas portas demostrando un ano máis que estes deportistas son un gran exemplo de superación, resiliencia e compañeirismo.
 
Os competidores coincidiron en que esta foi, sen dúbida, unha das mellores probas nas que participaron. En Pantín atoparon unha praia inclusiva, na que se sentiron totalmente incluídos e que lles brindou a mellor oportunidade de visibilizar o seu deporte.
 
Dana Cummins, organizadora do campionato mundial de surf adaptado, comentou o emocionante que foi ver como a comunidade surfista se volveu cara aos participantes. “Darlle a todos estes deportistas a oportunidade de destacar e demostrar as súas habilidades, o moito que traballan é un orgullo. Queremos promocionar estas competicións e a todos aqueles que nos digan o que non podemos facer, ímoslle a mostrar o que facemos, e iso é surf”.
 
Destacou estes días o moi novo Álvaro Méndez, que con só 15 anos demostrou ás novas xeracións que con esforzo todo se pode conseguir. Remata este evento contento e desexando ter aínda máis oportunidades para seguir facendo o que máis lle gusta, que é o surf.
 
Ademais, hai que destacar as competidoras Victoria Feige (CAN), Mireia Cabañes (ESP), Marta Jordao (POR), Hanna Dines (GBR)  e Sarah Almagro (ESP), que representan un gran exemplo de motivación e resiliencia para o surf adaptado feminino.
 
Na entrega de premios contamos coa presenza de Javier Niebla, director de Abanca en Valdoviño, quen destacou como dende Abanca queren promover a cultura do deporte e do esforzo xunto coa natureza, e Pantín ofrece un escenario único para ambos.
 
A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Patricia Busto, destacou a importancia do apoio da Xunta de Galicia a este tipo de eventos de envergadura internacional que permiten situarse a Galicia como un referente do turismo deportivo e que, como valor engadido, contribúe a posicionar no mapa os produtos da marca Galicia Quality e a poñer en valor o turismo sustentable e de natureza promovido por Turismo de Galicia. Ademais, engadiu que “este proxecto pioneiro comparte a filosofía e os valores que pretendemos impulsar dende a Xunta. Combinar deporte e inclusión é falar de compañeirismo, de traballo en equipo, pero sobre todo de afán de superación”.
 
Así mesmo, Enrique Moreno, director de mercadotecnia de Vithas, expresou que “a promoción da saúde a través do deporte é moi importante para nós. O noso propósito é mellorar o benestar das persoas a través da saúde, e o deporte adaptado é parte fundamental diso”.
 
Alberto González, alcalde de Valdoviño, subliñou a importancia de desenvolver este tipo de probas, que supón unha gran oportunidade para visibilizar esta actividade con deportistas de tan alto nivel. Ademais, engadiu que “desde Valdoviño levamos varios anos traballando na inclusión, e que agora mesmo sexamos a capital do surf adaptado é un orgullo”.
 
Remata así unha proba que segue medrando e que se consolida na súa terceira edición, e que dá paso ao inicio do 35 aniversario do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO, que comezará mañá martes 12 de xullo ás 8:30h.

Deixa un comentario