21 Agosto, 2020

O PORTUGUÉS VASCO RIBEIRO GRAN PROTAGONISTA DA MAÑÁ

  • Vasco Ribeiro consegue a mellor onda do campionato cun incrible 9,70 sobre 10.

  • Mañá finaliza o ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO.

Comeza o terceiro día de competición no ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO con excelentes condicións de ondas e grandes figuras do surf competindo.

Puidemos ver hoxe en acción a un dos mellores surfeiros a nivel mundial, o francés Joan  Durú, que comezou na súa primeira manga moi forte con dúas grandes ondas que lle outorgaron a incrible puntuación final de 16,00 puntos. O competidor francés, comentaba: “sempre gozo  surfeando nesta praia e hoxe empecei xenial con moi boas ondas”.

O surfeiro portugués Vasco Ribeiro entrou tamén hoxe á auga para competir e de que maneira, conseguindo a mellor onda do campionato ata a data cun incrible 9,70 sobre 10 puntos. Mencionaba que se alegra de estar de volta en Pantín, xa que é un dos seus sitios favoritos para surfear e máis con tan boas ondas como houbo esta mañá.

Sobresaíron ademais o surfeiro francés Justin Becret e o galego Gony Zubizarreta, cunha puntuación total de 15,50 e 14,63 respectivamente. 

Hoxe seguirá disputándose a segunda rolda masculina. Avanzando á terceira Charly Quivront (FRANCIA), Iker  Trigueros (ESPAÑA), Jose Champalimaud (PORTUGAL),  Slade  Prestwich (SUDÁFRICA), Enrique Suárez (ESPAÑA), Andy Criere (PAÍS VASCO), Gonzalo Gutiérrez (ESPAÑA), Pelayo Suárez (ESPAÑA), Luís Díaz (ILLAS CANARIAS) e Gabriel Ribeiro (PORTUGAL).

Mañá, sábado 22 de agosto, finalizará o ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO. A xornada comezará coa cuarta rolda en categoría masculina e os cuartos de final en categoría feminina.