27 Agosto, 2020

OS SURFEIROS PORTUGUESES TERESA BONVALOT E VASCO RIBEIRO CONQUISTAN PANTÍN

Vasco Ribeiro e Teresa Bonvalot entraron na historia do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020. Os surfeiros portugueses proclamábanse campións este sábado 22 de agosto despois dunha intensa final na que Vasco Ribeiro bateuse contra o surfeiro vasco Aritz Aranburu e Teresa Bonvalot contra a surfeira francesa Pauline Ado. 
 
Xa desde o principio, Vasco Ribeiro posicionouse como favorito para a vitoria ao conseguir as dúas mellores ondas da competición cunha incrible puntuación de 9,83 e 9,70 puntos sobre 10.

Coas súas grandes actuacións deixaba clara a súa determinación de chegar ata a meta e comentaba que “viña disposto a conseguir a vitoria” e que “a actitude é fundamental cando estás na auga e todo depende de saber escoller ben a onda para conseguir as mellores puntuacións”. Sen dúbida soubo escoller ben, xa que durante a semana de competición as condicións de ondas foron moi favorables e permitiron aos surfeiros mostrar o seu mellor surf.

Doutra banda, Teresa Bonvalot, que competiu en Pantín desde os trece anos, sobresaíu desde o comezo da competición e este ano viña decidida a gañar. Confesaba que xa nunha edición anterior rozou a vitoria, e que esta vez si conseguiría o éxito. Engadía ademais que “este foi un dos mellores eventos nos que participei este ano e encantoume surfear en Pantín coas boas condicións de ondas que tivemos esta semana”.

Grazas á súa vitoria, ademais, Vasco Ribeiro e Teresa Bonvalot formarán parte do Bosque de Campións de Estrela Galicia. Esta iniciativa escolle unha árbore autóctona para plantar nas inmediacións do evento que simbolice a vitoria dos gañadores. Desta maneira, ano a ano irase creando un auténtico Bosque de Campións, onde os gañadores poden deixar unha parte de si mesmos en Pantín.