Pantín, a parroquia que se multiplica por 165 no Pantin Classic

En 2023, excedeu os 97.000 visitantes durante os 9 días da competición e ten un forte impacto no emprego e a economía comarcal cuns 500 empregos asociados

Pantín, Valdoviño 27 de agosto.- Pantín é  unha das oito parroquias de Valdoviño que suma 587 veciños censados (INE 2023). Con todo, desbórdase durante os nove días do campionato internacional de surf Abanca Pantin Classic Galicia Pro, que este verán chega á súa 37 edición, multiplicando por 165 a súa poboación.

De acordo aos datos da pasada edición, -cun contador de visitas de Intermax Technology- a asistencia superou as 97.000 persoas, 165 veces máis que o censo habitual. A boa previsión do tempo e ondas desta semana, e a intensa asistencia do público durante a pasada fin de semana fan prever que se superará esa cifra porque a día de hoxe xa se contabilizaron unhas 43.200 visitas do sábado 24 ao luns 26 nos rexistro da competición.

Abanca Pantin Classic Galicia Pro é a única proba da WSL (World Surf League) puntuable en España para o circuito europeo, que este ano congrega a preto de 200 surfeiros profesionais (117 mozos e 59 mozas) nun evento que vai máis aló do deportivo ao ofrecer unha experiencia integral para un día completo de sol, salitre e ondas, con zona de lecer e restauración, pista de skate, bautismos de surf, música en directo e outras experiencias.

O PANTÍN CLASSIC 2024 EN CIFRAS

Se falamos de emprego, a montaxe do evento iniciouse o pasado 10 de agosto para despregar unha superficie de 5.000 metros cadrados cun equipo de 18 traballadores. En total, para a posta en marcha -do 24 ao 1 de setembro- realizáronse un cento de contratacións directas,  e preto de 467 empregos inducidos, maioritariamente en empresas da comarca entre transporte, loxística, equipo audiovisual, asistencia á competición, rexistro, tenda e información.

A actividade xerada polo evento repercute tamén na hostalería e restauración da comarca, xa que despraza a 200 competidores (e os seus familiares) e déixase sentir nos negocios da comarca, desde Ferrol a Cedeira onde a ocupación hostaleira roza o 90%, de acordo a un portal especializado en reservas.  Especialmente nos concentrados na zona de Ariño, onde comen a diario máis de 100 persoas do equipo.

MÉRCORES 28: QS 3000 WSL DESDE AS 10:00 HORAS

No plano deportivo, na xornada de hoxe disputáronse tres roldas clasificatorias -cunha  ducia de mangas; na categoría masculina seguen adiante Andy Criere, Vicente Romero, Pedro Amorim, Ian Fontaine, Nestor Garcia, Markel Vizcarguenaga, Elijah Chort, John John Rabinovitch, Francisco Almeida, Oliver Heintz, Charly Martin ou Lukas Skinner, entre outros.

A competición renóvase este mércores 28 ás 10:00 con novas roldas e mangas para espremer as mellores condicións do mar na factoría de ondas.

Deixa un comentario