Pantín brilla co talento sub-18 de Galicia e Portugal no Circuíto Celta.

Teo García, Diego Vieites, Isidro de la Cal e Duarte Pantín subiron ao podio xunto con Daniela Alonso, Ana Piñón e Elisa e Pepa González.

Pantín, Valdoviño 26 de agosto.- A semana máis importante do surf en Ferrolterra comezaba por todo o alto este luns 26, coa proba luso-galaica como antesala á competición principal da WSL. Foi a última das tres citas que integran o Circuíto Xuvenil Celta, unha iniciativa conxunta do Surf Clube de Viana e a Federación Galega de Surf.

Antes de recalaren en Pantín –que acolle o torneo por primeiro ano– a fase inicial deste campionato sub 18 dirimiuse en augas portuguesas o pasado 2 de agosto, con seguinte parada xa en Galicia, en Soesto, antes de seguir subindo ata Pantín (Valdoviño). As mangas celebradas onte, dentro do 37 Abanca Pantín Classic Galicia Pro, disputáronse entre as 9.00 e as 19.30 horas, con ventos fortes e condicións complicadas que lograron sacar a mellor versión dos surfistas máis novos.

Teo García subiu ao podio en primeiro lugar, seguido polo ferrolán Diego Vieites, Isidro de la Cal e Duarte Pantín, outro local, en cuarto lugar. Entre as rapazas, Daniela Alonso -tamén vencedora do Wildcard do Open Galego- volveu imporse, seguida de Ana Piñón, Elisa González e Pepa González.

MARTES 27: INICIO DE COMPETICIÓN INTERNACIONAL QS 3000 WSL Este martes 27 comezarán as mangas preliminares da competición principal da WSL QS 3.000 con preto de 200 surfistas inscritos na lista definitiva; 59 rapazas e 117 rapaces, unha das participacións máis elevadas dos últimos anos con figuras internacionais de primeiro nivel entre os que se conta Joan Duru, outro surfista olímpico e destacado ex WCT (a elite mundial onde compiten os 32 mellores do Championship Tour).

Repiten presenza o vencedor do 2023, Maxime Huscenot, a tamén francesa Tessa Thyssen coas lusas Teresa Bonvalot, Francisca Veselko ou Mafalda Lopes. Entre os top do circuíto europeo masculino estarían Charlie Quivront, Alfonso Antunes, Gatien Delahaye, Guilherme Ribeiro ou Jorgann Couzinet. Hai surfistas chegados desde Taiwan, Brasil, Marrocos, Israel, Suecia, República Checa ou Polonia, e tamén de Italia, Holanda, Alemaña ou Gran Bretaña, entre outras 20 nacionalidades.

Galicia estará representada polos irmáns coruñeses Juan e Manuel Fernández, que venceron no Open Galego, mentres que na categoría feminina serán as viguesas Daniela Alonso e Lola Meléndez.

Deixa un comentario