PANTÍN LOITARÁ POR SER O OLIMPO DO SURF NUNHA NOVA PROBA INTERNACIONAL DA WSL EN 2026

A praia de Pantín rivaliza con outros templos do surf en California ou Australia por acoller unha competición de máximo nivel da Liga Mundial de Surf.

Pantín, Valdoviño, 1 de outubro.– Aínda coa resaca das superondas da pasada edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro 2025, a praia de Pantín xa se pon en marcha para ser sede dunha nova proba da WSL (World Surf League) en 2026.

Trataríase dunha competición pioneira e de primeiroísimo nivel da Liga Mundial de Surf, coa máxima categoría para os e as mellores surfistas do planeta. Unha proba de novo cuño –que non existe na actualidade– da WSL que suporía un trampolín único para dar o salto ao WCT (Championship Tour), no que compiten unicamente os mellores do ranking mundial, tanto en categoría masculina coma feminina.

Pantín é unha das praias candidatas e, de concretarse, sería unha oportunidade para que os grandes nomes do surf mundial –Brasil, Australia, Xapón, Sudáfrica…– competisen en Valdoviño por sumar puntos do QS á súa conta persoal e loitar así polo World Champion Tour.

A factoría de ondas de Valdoviño, ben coñecida nos circuítos internacionais pola súa historia e traxectoria co Pantin Classic dende hai case 40 anos, será unha das praias de todo o mundo que aspiran a acadar esta proba á que estarán convocados os mellores do ranking mundial (WCT), con moitos puntos en xogo.

Unha competición para a que a WSL podería estar barallando outras localizacións noutros templos do surf mundial, como a costa de California ou a Gold Coast e Bells Beach en Australia, entre outras opcións internacionais dentro das praias co mellor comportamento do oleaxe no circuíto profesional.

Pantín reúne todos os requisitos para acoller esta proba en Galicia, que este 2025 xa puxo a proba as súas capacidades como Destino WSL con catro competicións consecutivas en augas da Coruña: dende o Gadis Surf Festival Ferrol (longboard e junior) de Esmelle/Cobas en xuño ata o Abanca Pantin Classic Galicia Pro, a finais de agosto, para pechar a tempada no Edommo Junior Pro Razo by Espazo Nature en Carballo o pasado setembro.

Desde Classic Surf Pro estamos convencidos de que é posible e de que Pantín o merece, e faremos todo o posible por conseguir que esta proba internacional da WSL —un evento pioneiro que nunca se desenvolveu antes— se celebre o vindeiro verán na costa galega, co impulso conxunto das Administracións públicas e dos patrocinadores privados que sempre nos apoiaron ante este novo desafío que coloca a Galicia, e en concreto a este tramo da costa de Ferrolterra, como capital mundial do surf.

Deixa un comentario