As roldas finais disputaranse este sábado 28 e a entrega de premios será ás 16:00 horas
Carballo (A Coruña), 27 de setembro – Volveu o sol á praia de Razo no cuarto día da competición internacional da WSL (World Surf League) no mellor día de ondas e espectáculo cun mar moi medrado, que ofreceu un surf impresionante en calidade e manobras.
As mangas clasificatorias comezaron ás 8:15 da mañá, co amencer, e continuaron sen interrupción ata as 18:00, avanzando en ambas categorías: masculina e feminina.
O galego Manuel Fernández, que acadara o pase directo co wildcard o martes, caeu hoxe coa última onda no último minuto nos cuartos de final, para desgraza da afección local.
Accederon a cuartos de final, en rapaces: os irmáns Dylan e Connor Donegan, xunto a Jacobo Trigo e Xan Atxchoarena, que son os españois en liza pola coroa júnior de Europa.
Completan os cuartos desta categoría Paco Alonzo, Axel Domínguez, Matías Cahnoto, Uri Uziel, Salvador Vala, Nicolas Paulet, Ido Hagag (ISR), Leonardo Apreda, Joao Mendoza, Francisco Ordonhas, Michele Scoppa e Ilay Bochan.
Entre as rapazas, son cinco as representantes españolas: Sol Borelli, Carla Morera, Kenia Carril e Ibone Gómez e a actual campioa Anette González Etxabarri.
Pasan tamén ás roldas finais as francesas Aelaan Vaast, irmá do campión olímpico en Tahití, Kauli Vaast; xunto a varias compatriotas como Sarah Leiceaga, Hina María Conradi, Lilou Rumiel, Anais Blanchard, Zoe Jaeckin, Naia Monte e Nahia Milhau, todas elas francesas. Completan a quenda as portuguesas: María Salgado e María Dias.
As roldas de cuartos de final, semifinais e a gran final disputaranse mañá sábado desde as 9:30 en diante, e a entrega de premios está prevista para as 16:00 coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.
VISITA DO COLEXIO CPR ARTAI
Este venres visitáronnos outros 60 escolares do CPR Artai, de 1º e 3º curso da ESO, nunha aproximación ao deporte a través dun evento internacional que se disputa a pouca distancia do seu centro de estudos cun total de 187 rapaces e rapazas de entre 12 e 20 anos.
Con eles, algúns dos mellores deportistas júnior de Europa tiveron a oportunidade de falar e fotografarse, ademais de iniciarse no skate e participar nas actividades de lecer activo, inclusivo e en igualdade que se promoven desde Espazos Corresponsables, co apoio da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia como recurso para a conciliación e para axudar a conectar o evento co territorio que o acolle.