Zebrowski superou á alemá Noah Klap mentres que Antunes, de 21 impúxose case in extremis ao veterano francés Jorgann Couzinet
O premio as mellores ondas do Pantin 2024 foron para Jorgann Couzinet e Camilla Kemp
A 37 edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro pecha as súas portas este domingo superando amplamente a asistencia de 2023
Pantín, Valdoviño 31 de agosto.- A nova raíña de Pantín chámase Tya Zebrowski, ten 13 anos, naceu en Bayona (Francia), lidera a clasificación europea e vive dacabalo entre Tahití, a illa natal do seu pai Gary Zebrowski, un snowboarder olímpico e Hossegor, nas Landas francesas.
Acompañouna no podio o novo surfeiro de Caparica (Lisboa), Afonso Antunes, de 21 anos, vencedor na final masculina que logrou espremer unha onda para impoñerse case ao final ao francés Jorgann Couzinet, un dos veteranos na proba con 30 anos.
Ambos recibiron o seu premio a última hora da tarde de mans do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e do alcalde de Valdoviño, Alberto González, xunto ao deputado provincial, Antonio Leiro e representantes dos patrocinadores como peche á competición deportiva que rematou cun concerto de Mario Azurza e FUAH,
AS FINAIS
Quinta e última xornada de competición ao máximo nivel na 37º edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro, a única proba da WSL en España, que arrincou a mañá do sábado pouco despois das 10:30 horas cos cuartos de final das mozas e que se pechou nove horas despois, pasadas as 18:30 horas coas dúas finais: masculina e feminina.
O mar de Pantín non ofreceu esta tarde a súa versión máis potente con poucas ondas, pequenas e sen forza que non lles permitiron desenvolver todo o seu potencial, aínda que, foron subindo en calidade a medida que se aproximaban as finais.
Para a nova surfeira francesa, leste foi o seu segundo campionato en Galicia e xa lle serviu para cinguirse a coroa da proba da WSL. “Estou moi feliz de estar aquí”, proclamou a nova campioa do Abanca Pantin Classic, arroupada pola súa familia e pola comunidade francesa que se desprazou á praia de Valdoviño, onde se congregaron centos de persoas na ladeira da praia para ver en directo a final.
Tya é filla doutra reputada deportista de neve -Caroline Beliard- e empezou a surfear con apenas 2 anos. A pesar da súa mocidade, Zebrowski foi unha das grandes revelacións do campionato co seu despregamento de talento ao impoñerse na final á alemá Noah Klapp, que fora unha das competidoras máis sólidas en cada manga desde o inicio do campionato.
Pola súa banda, Afonso Antunes deu as grazas á súa familia polo apoio, nada máis saír da auga en “un triunfo moi significativo para a súa carreira” fronte a algúns dos mellores. “Aínda non me creo que gañase”. Unha onda case no último momento e puntuada cun 8 serviulle para superar a Couzinet por 0,17 puntos de diferenza e proclamarse gañador da proba QS.300ou da WSL.
A COMPETICIÓN
Entre as mozas, alcanzaron as semifinais dúas portuguesas: Teresa Bonvalot -campioa en Pantin en 2022- e Francisca Veselko, xunto á alemá Noah Klapp e a novísima Tya Zebrowski (Tahití), que deu toda unha exhibición de talento, paciencia e madurez ao ir superando as roldas da competición fronte a deportistas moito máis veteranas e curtidas en probas internacionais.
Entre os mozos, os semifinalistas foron o luso Afonso Antunes -que apeou a Nicolas Paulet na súa eliminatoria-, mentres que Luan Nogues superou a Hans Odriozola (16) e Jorgann Couzinet ao seu compatriota Gatien Delahaye. As dúas últimas mangas de cuartos disputáronas o español Sexan Gunning que se escapou o pase no último segundo coa última onda de Charly Quivront, cunha puntuación dos xuíces moi cuestionada polo público.
DOMINGO 1: ÚLTIMO DÍA
O evento portas terá as súas portas abertas durante a xornada do domingo 1 -xa sen competición- coa tenda oficial da colección exclusiva de Vazva (de 11 a 20:00 horas), as zonas de lecer e restauración, a pista de Skate e o Espazo Corresponsables, gratuito para nenos de 4 os 16 anos en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, da man da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta.
