Enzo Cavallini firmou unha onda de 9.60, a nota máis alta até agora
Hoxe entraron en liza as rapazas nas oito primeiras mangas deste QS 4000

Pantin, Valdoviño, 28 de agosto.- Outro recital infinito de ondas neste sexto día do Abanca Pantin Classic Galicia Pro 2025, na súa edición número 38. Se nos primeiros días do evento, durante as probas da Para Surf League (23 e 24) e no Campionato galego (25) mandou o sol, nestes días de competición da World Surf League quen manda é o mar, con maiúsculas.
O Atlántico está a facer toda unha exhibición de forza, potencia e tamaño desde o martes 26. Unha tras outra, caen montañas de auga na esquina dereita da praia de Ariño, con tubos e paredes de 3 a 4 metros, ofrecendo un espectáculo de primeira nas probas do QS 4000 da World Surf League (WSL), a Liga Mundial de Surf Profesional que se disputa até as finais deste domingo 31.
Cinco días de competición internacional con preto de 200 dos mellores surfistas do circuito mundial, nesta proba do Tour Europeo da WSL, que se celebra en Galicia desde 1888. Se onte, nas mangas masculinas, os rapaces chegaban ata a rolda 64 hoxe foron as rapazas as que entraron na auga da rolda 48 en adiante.
Avanzaron na competición ate a seguinte (32) as surfistas Tiara Van Der Hul, Belle Betteridge, Juliette Lacome, Lisa Boos, Lilias Tebbai, Saioa Ortega, Gabriela Dinis, Camila Cardoso, Rachel Presti, Naïa Monte, Janina Zeitler, Constância Simões, Maria Salgado, Adriana Fernandez Hidalgo, Anais Blanchard, Maelys Jouault.
Entre os rapaces, hoxe foron 12 as mangas que se disputaron -cada unha de 30 minutos e catro competidores- cun surf excelente e moi esixente en todos os planos. Algúns dos surfistas, bregados en moitos mares, atoparon moitas dificultades para o remonte pola forza das ondas e mesmo algún, como o francés Leo Paul Etienne, optou por subir polo monte e lanzarse ao mar coa táboa desde un lateral rochoso nunha manobra tan arriscada como aplaudida. Non obstante, pouco despois, caía eliminado da competición.
Este xoves avanzaron na competición masculina -da 64 até a 32- Yago Dominguez, Julien Fontvielle, Thomas Debierre, Luan Nogues, Sean Gunning, João Mendonça, Leonardo Apreda, Sam Pitter, Stanley Norman, Hans Odriozola, Guilherme Ribeiro, Ruben Vitoria, Enzo Cavallini, quen asinou a mellor actuación da tarde cunha onda de 9,60. Tamén siguen en liza Keoni Lasa, Charly Quivront ou Paul Boniface.
PANTIN SOUND: LA INDIRIGIBLE, PUCHEROS ATÓMICOS e BLACK COFFEE
Este venres, nova ración triple de música en directo no Pantin Sound, no recinto do Abanca Pantin Classic Galicia Pro, con música no solpor para todos os estilos.
No primeiro prato da tardiña, La Indirigible, unha banda local da nosa comarca que fará as delicias dos amantes da música indie e que xa nos acompañou no Gadis Surf Festival Ferrol do 2024. Tocarán a partires das 19:00 horas.
Tomarán o relevo no escenario principal Os Pucheros Atómicos DJs, seguidos de Black Coffee no stand de Abanca.
ACCIÓN MEDIOAMBIENTAL: LIMPEZA DE PRAIAS
Por último, lembrarvos que este VENRES 29, as 17:00 horas, terá lugar a limpeza da praia de Pantin que promovemos e coordinamos da man dos Espazos Corresponsables de Política Social, un recurso gratuito para a conciliación de familias e traballadores durante todos os días do campionato para a rapazada de 4 a 16 anos.
¿Queres participar? Soamente tes que achegarte con ganas de cooperar ata a carpa Corresponsables na entrada do recinto. Pequenos e grandes, sodes todos benvidos e se proporcionarán guantes de bolsas de lixo aos participantes.
É unha das accións ambientais que se promoven no evento durante os nove días da competición internacional como parte dunha aposta determinada pola sostibilidade e o respeto ao entorno natural, no que tamén apostamos por favorecer a separación de residuos nas nosas illas de reciclaxe co pulo da Consellería de Medio Ambiente.