Unha onda de ‘dez’ para o francés Kepa Housset-Ezponda en Razo

22 de setembro, Razo (A Coruña).- Non é habitual pero cando ocorre deixa pampos a surfeiros e xuíces. O surfeiro vasco francés Kepa Housset-Ezponda levou hoxe un dez nunha das ondas da súa manga, durante a pleamar, no segundo día da competición do Cabreiroá Junior Razo-Caion na praia de Razo ata o domingo.

A competición quedou en suspenso durante a mañá polo forte mar da xornada e renovouse ás 15:30 horas en categoría masculina para completar as roldas 64 e 32.

Ondas longas de dereitas reformándose preto da beira e deixando os peches a poucos metros do público que durante a tarde, e animado polo sol que se abría paso a intres, achegouse ao areal de Carballo a presenciar o campionato pola coroa europea junior dos e as mellores surfeiras de Europa na última parada do circuíto da WSL (World Surf League).

Na categoría masculina, caeron eliminados Matías Canhoto, e Moisés Domínguez, este por tan só unha décima no último segundo de manga mentres que Noa Dupoy, Thomas Ledee e Sam Piter, cumpriron o trámite con calidade e destreza e seguen adiante na competición cara á rolda 16 do sábado 23.

A tarde noite do venres pechouse co primeiro dos dous días de concertos do Razo Sound, con música en directo e un escenario feito a medida para acoller as actuacións de Praia Desmaio, Avocado e Superfuzz.

VISITA DO COLEXIO ARTAI AO CABREIROÁ JUNIOR RAZO-CAIÓN

Durante a xornada do venres, un grupo duns 40 escolares do colexio concertado Artai de Razo (Carballo), acompañados polos seus profesores. desprazáronse ata a praia para presenciar o campionato e coñecer as instalacións e as reviravoltas dun evento da WSL.

A única parada do circuíto junior da liga mundial de surf para deportistas sub 21 estaba a poucos metros das súas aulas e non quixeron desaproveitar a oportunidade de ver en directo ás e aos mellores surfeiros junior de Europa, preto de 150 mozos e mozas de idades similares ás súas.

A dirección do centro quixo, deste xeito, incentivar a inquietude dos mozos polo deporte desde a base nun evento igualitario, de alta esixencia deportiva e que é expoñente dun estilo de vida en contacto coa natureza e que promove o respecto ambiental.

Deixa un comentario