UNHA XORNADA MARATONIANA PARA O ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2026

A dirección de competición aproveitou as excelentes condicións para recuperar o tempo perdido e propuxo un día con máis de 50 mangas

Os favoritos do QS 6000 International da World Surf League (WSL) xa entraron á auga e os cadros comezan a adelgazar ante as xornadas decisivas

PANTÍN, 28 DE AGOSTO DE 2026.

Recuperar o tempo perdido. Acelerar para poder dispor nas xornadas decisivas das mellores condicións na hora da verdade, cando se decidirán os novos campións do Abanca Pantín Classic Galicia Pro. Esa era a prioridade da dirección de competición hoxe e por iso propuxeron un día de récord: 52 mangas de 25 minutos. Unha proeza só ao alcance dun escenario tan especial, con capacidade para acoller un dobre pico durante case 12 horas. Por iso, Pantín é Pantín. E non precisa dunha carta de presentación no mundo do surf. Nunca fallou.

Dentro desta xornada maratoniana, os favoritos do QS 6000 International da WSL xa tiveron a súa toma de contacto coa icónica praia do Concello de Valdoviño. No cadro masculino, sen facer moito ruído, pero si poñendo en alerta ao resto dos surfistas, Frederico Morais xa se colou nas roldas decisivas. A lenda do surf portugués síntese no seu medio con ondas potentes e cheas de auga coma as de Pantín. Son o lenzo perfecto para os seus xiros redondos e cheos de enerxía.

Na súa segunda manga do día, coincidiu con Gony Zubizarreta. O mellor surfista galego da historia despediuse da proba en 25 minutos nos que non conseguiu atopar o ritmo que tanto Morais coma Hans Odriozola, con 10.60 puntos e 13.57, respectivamente, impuxeron para facerse un oco entre os 32 mellores da competición. Pola súa banda, o australiano Eden Hasson, con 18.00 puntos e unha onda de 9.83, completou a mellor actuación do que vai de Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026. Pola súa parte, os brasileiros Ian Gouveia e Deivid Silva tamén avanzaron e seguen na nómina dos posibles gañadores desta edición.

Jay Occhilupo, o fillo do mítico Mark Occy Occhilupo, caeu na rolda de 64, despois de amosar un surf impoñente na de 96, cun cómputo de 14.50 (8.27 e 6.23) para as súas dúas mellores ondas.

No cadro feminino, a peruana Arena Rodríguez destrozou as ondas do pico clásico de Pantín para asinar un total de 14.67 (8.00+6.67). Tamén a súa compatriota Sol Aguirre, unha das grandes favoritas, conquistou o primeiro posto da súa manga para meterse nas xornadas decisivas do campionato.

Programa para mañá, sábado 29 de agosto:

Competición WSL

De 08:00 a 20.00 horas

QS 6000 International

Zona Market

11.00 horas

Apertura da tenda oficial, área de skate e Corresponsables

12.00 horas

Apertura dos diferentes stands

Faladoiros de Pantín en O Tinglado

11.00 horas

Retoque Retro

12.00 horas

Maldita Surfboards

Skate

16.00 horas

Abanca Live Skate Contest

Surf

19.00 horas

Abanca Live Expression Session

Pantín Sound

20.00 horas

Black Coffee Band (Escenario Pantín Sound)

22.00 horas

Capitán Sabrosura (Escenario Pantín Sound)



Deixa un comentario