19 Agosto, 2020

YOLANDA HOPKINS E TERESA BONVALOT MARCAN O LISTÓN NO ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020

  • Yolanda Hopkins obtivo a mellor onda e Teresa Bonvalot a mellor puntuación total do día.

  • Mañá comeza a categoría masculina ás 08:00h.

A categoría feminina foi a encargada de inaugurar o ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020 e no día de hoxe completáronse as dúas primeiras roldas. As condicións de ondas, aínda con algo de vento, foron extraordinarias nesta primeira xornada de competición e sen dúbida as participantes souberon aproveitalas ao máximo.

Víronse actuacións estelares, como as de Yolanda Hopkins, que obtivo a mellor onda do día cun 9 sobre 10, e Teresa Bonvalot que conseguiu a segunda mellor onda do día, con 8,33 puntos ademais da puntuación total máis alta, con 15,77 puntos.

Sobresaíndo tamén Janire Etxabarri, cunha puntuación total de 14,37 puntos, Nadia Erostarbe con 13,70 puntos totais e Ariane Ochoa, que conseguiu unha puntuación total de 13,33 puntos, e que comentaba que o inicio de competición foi duro, pero que agora o que toca é coller ritmo para continuar avanzando.

A surfeira francesa Pauline Ado, empezou moi forte tamén, quedando primeira na súa manga e obtendo o pase á terceira rolda. Declaraba que as ondas foron xeniais, aínda que o vento dificultaba un pouco o coller velocidade na onda, pero aínda así foi un gran día e quedou contenta co resultado.

Veremos na terceira rolda do ABANCA PANTÍN CLASSIC GALICIA PRO 2020 a Julia González (ESPAÑA), Maud Lle Car (FRANCIA), Candelaria Resano (ESPAÑA), Garazi Sánchez (PAÍS VASCO), Carolina Mendes (PORTUGAL), Lucía Martiño (ESPAÑA), Melania Suárez (ILLAS CANARIAS), Canelle Bulard (FRANCIA), Bianca Tye (ESPAÑA) e Carmen Garay (ESPAÑA).