Pantín, Valdoviño 29 de agosto.- Hai máis de vinte anos que Rob Gunning (Brisbane, 1970) pisa ano tras ano a area de Pantín. A primeira vez foi como xuíz en 2002 e en 2010, este australiano afincado no Norte, regresou a Valdoviño como tour manager da World Surf League para o circuíto europeo.
Este ano non foi unha excepción e esta semana volve comandar ao equipo técnico na 37 edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro (do 24 ao 1 de setembro) nunha das probas máis lonxevas, tras Lacanau (Francia) que celebra os seus 43 anos.
“Pantín non cambiou. En esencia, é a mesma praia perfecta de hai vinte anos. Non se urbanizou nin se perturbou, é un espazo natural incrible onde aínda hai calma e sempre regala ondas”, conta en perfecto español.
Discreto e reservado, recoñece a case todos os deportistas pola súa forma de surfear e prefire mirar ao futuro que ao pasado. “Pantín é un sitio que cumpre moitos dos requisitos que necesita unha proba como esta. A praia e as ondas gustan aos surfistas, ten un público fiel que vén pasar o día e boa organización.
“Para un deportista novo, hoxe en día, vivir do surf é moi complicado. O boom das marcas e patrocinadores xa pasou e agora son eles e os seus pais quen custean as viaxes”, comenta.
A competición de primeiro nivel, os premios en metálico e o apoio e a implicación das Administracións Públicas e patrocinadores privados como os que fixeron posible o Abanca Pantin Classic Galicia Pro é unha das mellores ferramentas para potenciar o surf como deporte, e a costa galega como o mellor escenario no escaparate internacional.
DÍA 3 WSL QS 3.000 ABANCA PANTIN CLASSIC GALICIA PRO
Terceira xornada de competición ao máximo nivel na única proba da WSL en España, en augas galegas, que podedes seguir aquí en directo, onde este xoves seguiron avanzando as roldas masculinas cara ás fases finais -dezaseisavos e oitavos- que se disputarán este venres 30, exprimindo as ondas á mercé de condicións climáticas variables, con fortes ventos e orballos intermitentes e sol a anacos.
Entre os rapaces, o surfista olímpico español Andy Criere (Donostia, 1999) -Tokio 2020 e París 2024- avanzou con solidez nas súas mangas deixando polo camiño ao británico Arran Strong, ademais de Kai Odriozola (primeiro na súa manga), Hans Odriozola e Connor Donegan Santos. Galicia estivo presente nas mangas 8 e 9 cos irmáns Juan e Manuel Fernández, os vencedores do Open Galego que lles deu o pase directo á competición principal.
Superaron as súas respectivas mangas Alfonso Antunes, Enzo Cavallini, Nicolas Paulet e Lukas Skinner -caeu o español Vicente Romero, por 0,7 décimas-, Renan Grainville, Ilay Bochan (ISR), Luan Nogues, Ian Fontaine.
A competición retomouse o xoves ás 13:30 por decisión do equipo técnico da WSL, á espera das ondas e mareas, e as mangas avanzaron da 1 á 7, na rolda 64 ata pasada as 19:00 horas. A competición feminina retómase o venres coa primeira chamada aos competidores ás 08:00 horas.
PANTIN SOUND
Un festival musical dentro do propio evento. Se o xoves foi a quenda de Virginia Red, este venres a partir das 19:00 no escenario principal do evento será a quenda da banda de Getxo, Euskadi, Smile e Pucheros Atómicos. Por último, o sábado 31 tomarán os mandos musicais o DJ Mario Azurza (sábado 31), FUAH ou DJ Caste.
Ata o domingo 1, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, segue en marcha o Espazo Corresponsables da Dirección X de Igualdade da Xunta, para nenas e nenos de 4 a 16 anos como un recurso de educación en igualdade e lecer activo, que permite compatibilizar o traballo dos profesionais que toman parte no evento así como dos deportistas e familias que o visitan.