SURF DE SUPERVIVENCIA ENTRE ONDAS PEQUENAS NO SEGUNDO DÍA DO EDOMMO JUNIOR 

Xornada de impasse agardando pola melloría do mar co avance de Dylan Donnegan, un dos favoritos, e a eliminación do galego Sebas Baamonde na penúltima manga do día

Razo, Carballo, 25 de setembro.-  Segundo día de competición internacional da WSL (World Surf League) no Edommo Junior Pro Razo, presented by Espazo Nature (do 24 ao 27 de setembro) coas mangas concentradas na última hora do serán, aproveitando as últimas luces do día logo de retrasar o inicio da competición en varias ocasións agardando pola melloría das condicións no mar para a proba. 

Nas roldas de rapaces (64), hoxe avanzaron Dylan Donnegan, -un dos grandes favoritos polo titulo europeo do 2025 da WSL- e o seu irmán Connor Donnegan, xunto con Inigo Madina, Lukas Skinner, Kilian Rosskopf, Eder Fuentes, Stefano Mandozzi, Axel Dominguez, Joshua Karbus, Alejo Valido, Pierre Lamothe, Mário Leopoldo e Álvaro Casanova. O galego Sebastián Baamonde ficou eliminado na penúltima manga do día, xa co solpor sobre Razo. 

Entre as rapazas, hoxe non foi posible a súa entrada nun mar cativo en ondas e mañá retomarán a competición desde primerísima hora (8am) nomes como os de Oihane Goñi, Nora Álvarez, Isabella O’reilly, Chiara Cuppone, Lauren Sandland, Martina Escobar, Clara Hirigoyen,Teresa Pereira, Julia Heijmans o Enara Palacios, entre outras.

CORRESPONSABLES: ESCOLARES DE NÉTOMA-RAZO 

Hoxe visitaron a pequena vila do surf de Razo, máis de trinta escolares de 5 e 6 curso de Ensino Primario do CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo, de 11 a 13 anos. Ademais de percorrer o recinto, achegarse aos espazos dos riders en competición internacional tiveron a oportunidade de participar dos obradoiros sostibles dos Espazos Corresponsables da DX de Igualdade da Xunta, un recurso de balde pola corresponsabilidad entre a rapazada en todos os eventos WSL en Galicia e de probar sorte na rampa de skate.

A dirección do centro agradeceu o convite, un ano máis, de que os rapaces poidan asomarse a un campionato internacional de surf de primeiro nivel, que se celebra a carón da súas casas e centro de estudos, e que pon en valor a súa contorna natural e que os achega a práctica dun deporte de auga en contacto coa natureza para o que Galicia, e particularmente a costa da Coruña, ofrece unhas condicións inigualables. 

Na xornada deste venres 26, está previsto que visiten o recinto do Edommo Junior Pro Razo, by Espazo Nature, dous grupos máis de centros escolares da contorna.

Deixa un comentario